28/01/2026
🎻🎻🎻😊.
A Casa da Cultura de Arzúa acolle mañá xoves, o concerto do violinista amesán Anxo Gómez. O Conservatorio de música de Arzúa, organiza este concerto de violín a cargo do músico do Milladoiro con orixes arzuás, da parroquia de Dodro, Anxo Gómez Piñeiro, que malia a súa corta idade (nado no 2008) conta xa con numerosos recoñecementos dentro do mundo musical. O concerto será mañá xoves ás 19.00 horas, na Casa da Cultura.
O xove violinista do Milladoiro comezou a súa carreira aos 8 anos tendo como profesor ao actual membro da Real Filharmonía de Galicia e docente no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela, Ilya Fisher, mais actualmente continúa a súa carreira coa profesora Yulia Petrushevskaya mentres remata de cursar segundo de bacharelato no IES do Milladoiro.
Durante o concerto de hoxe, no que tamén participará o pianista Brais González, Anxo Gómez interpretará pezas de compositores clásicos como Henri Marteau ou Mendelsshon
Recentemente, Anxo ven de gañar o premio Extraordinario da Xunta de Galicia na modalidade de Ensinanzas Artísticas Profesionais no ámbito da música. Un galardón que conforma unha ampla lista dun total de 11 recoñecementos internacionais, como o 2º premio na categoría C na Academia de Música Fernándes Fâo, na vila portuguesa de Vila Praia de Âncora no ano 2019, ou a 1ª Mención de Honra na categoría I do 1º Concurso Internacional Violin Competition VSMU en Bratislava (Eslovaquia) no ano 2022.